A esencia desta zona explícase, en gran medida, por todo o significado que entrañan os distintos Camiños. Destaca o inmenso patrimonio artístico e monumental, que vai deixando pinceladas en toda a extensión deste xeodestino. Pero como veremos, non só no aspecto patrimonial cobra interese este territorio, senón tamén no campo gastronómico e festivo.
Sen dúbida, Santiago de Compostela, como destino de todos os camiños polos que queda a marca de peregrinos de todos os tempos, ofrece a quen o visita arte, cultura, beleza e historia nunha cidade recoñecida como Patrimonio Cultural da Humanidade.
O xeodestino Terras de Santiago abrangue os concellos de Ames, A Baña, Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Brión, Cerceda, Curtis, Frades, Melide, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Padrón, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Touro, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vilasantar.

«Lugar ideal para o turismo rural e as rutas de sendeirismo». Ao tratarse dun recuncho do interior, nas terras de Santiago cobra moita transcendencia a auga dos ríos e mananciais. Esa realidade percíbese coas espectaculares imaxes que deparan o río Tambre en toda a súa extensión, os ríos Mendo e Mandeo desde o seu nacemento, ou os numerosos ríos e regatos da comarca; a lagoa das Brañas de Valga, a fervenza do río Mira en Santa Comba, a fervenza de Portomouro en Val do Dubra ou a de Anxeriz en Tordoia, entre outros moitos atractivos

Antigüidade: distintas mostras como o dolmen de Forno dos Mouros e Castro da Graña (Toques), o dolmen de Cabaleiros, os castros de Curtis, a pedra do home (Val do Dubra), o Campamento Romano de Cidadela (Sobrado) ou os restos arqueolóxicos de Ames acreditan o peso da antigüidade nesta zona.

Patrimonio histórico: a temática patrimonial á que anteriormente se facía referencia, vese reflectida en gran medida na propia cidade de Santiago de Compostela, en canto á súa catedral , a Praza do Obradoiro, a Cidade da Cultura, o Mosteiro de San Martiño Pinario, O Pazo de Xelmírez, o Hostal dos Reis Católicos… o certo é que, ademais, en Santiago de Compostela, o usual vólvese arte. Así, o mero feito de visitar o seu centro histórico ou camiñar polas súas rúas empedradas, cobra consideración e resulta ser unha experiencia de enorme valor artístico. Ademais, nos municipios do redor, tamén poden verse interesantes mostras de valor histórico: o Mosteiro de Santa María de Sobrado, (procedente do Renacemento e o Barroco, ao que os monxes lle conceden unha figuración especial), a Ponte de Ribadulla (Vedra), A Pontevea de Teo ou a Igrexa de Páramo en Val do Dubra… son só uns cantos exemplos, repartidos polo territorio.

 

INDISPENSABLES

Santiago de Compostela: a catedral, (un dos monumentos máis valorados do mundo),  a Praza do Obradoiro, a Cidade da Cultura, o Mosteiro de San Martiño Pinario, O Pazo de Xelmirez, o Hostal dos Reis Católicos e os seus múltiples  'recunchos' nas rúas da zona histórica como a Rúa do Vilar ou a Rúa Nova farán que captes imaxes inesquecibles dunha cidade única. 

Mosteiro e Lagoa de Sobrado dos Monxes: este mosteiro, habitado por unha comunidade de monxes cistercienses ofrece hospedaría a quen queira gozar dun tempo de descanso sereno e tranquilo. Moi cerca do Mosteiro atópase a lagoa protexida pola rede Natura 2000, que foi construída polos monxes do mosteiro no século XVI.

Forno dos Mouros: o chamado 'Forno dos Mouros' é un dolmen datado do 3.000 antes da era actual. Está situado no lugar da Muruxosa no Concello de Toques. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 2011 e é un destino a non perder para toda persoa interesada na arte megalítica.

Casa-Museo Rosalía de Castro: no outono de 1947 créase o Patronato Rosalía de Castro, co fin de arranxar a Casa da Matanza, en Padrón, casa na que Rosalía de Castro viviu os derradeiros anos da súa vida. Restaurouse en 1971 e converteuse na Casa-Museo en 1972. É unha visita imprescindible para o achegamento á figura dunha escritora única e imprescindible. 

PontemaceiraPontemaceira é un lugar único, co que se atopan os peregrinos que queren rematar o seu camiño en Fisterra. Localizado entre os concellos de Negreira e Ames, esta ponte cruzada polo Río Tambre, garda unha beleza singular e un conxunto histórico artístico de gran relevancia

Queixo de Arzúa: o queixo con D.O.P. Arzúa-Ulloa é o que máis se produce e consume en Galicia. Os concellos da Área xeográfica da D.O.P. da provincia da Coruña son Arzúa, Boimorto, O Pino, Touro, Curtis, Vilasantar, Melide, Santiso, Sobrado, Toques, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Boqueixón e Vedra.

Torta de Santiago: esta torta tradicional da gastronomía galega pódese obter en calquera establecemento polo que pasa o Camiño de Santiago. De orixe descoñecida, sábese que sendo a améndoa un produto escaso na Idade Media, este alimento era un luxo reservado a poucos.

Melindres de Melide: estas pequenas roscas, produto tipicamente galego, acada a súa excelencia nesta vila do Camiño de Santiago, onde se celebra cada ano a Festa do Melindre e da Repostería tradicional da Terra de Melide.

Augardente do Ulla: a augardente, obtida da destilación dos restos da uva chamados bagazo, é unha bebida moi común en todo o rural galego. No Concello de Vedra, na parroquia de San Mamede de Ribadulla, celébrase cada ano a Festa da augardente do Ulla cunha ampla variedade de actividades. 

Pemento de Herbón: os pementos de Herbón, coñecidos tamén como pementos de Padrón, famosos polo dito 'uns pican e outros non', contan con Denominación de Orixe Protexida desde o ano 2009. A orixe deste produto asóciase ás sementes mexicanas traídas polos monxes franciscanos ao convento de Herbón. Débese ter en conta que os auténticos pementos de Herbón só están á venda entre os meses de maio e outubro.

luns, 31 Agosto, 2020
Turismo de Santiago participa na Jata Online Travel Mart para os mercados asiáticos
A entidade de promoción turística municipal traballa na promoción da cidade de cara ao Ano Santo adaptándose aos novos formatos consecuencia do Covid-19.
mércores, 19 Agosto, 2020
Máis de 400 turistas participaron xa nas visitas guíadas de Santiago Prémiate
As persoas participantes en Santiago Prémiate sumaron 2.000 pernoctacións en hoteis e pensións da cidade no último mes, cunha media de cinco noites por persoa.
venres, 17 Xullo, 2020
Santiago Prémiate agasalla coas primeiras visitas guiadas a un grupo de dez visitantes
As persoas e familias que pasen tres noites nun hotel ou pensión de Santiago poden facer visitas guiadas para descubrir os segredos da cidade valoradas en doce euros cada unha delas.
Non hai resultados.