A esencia desta zona explícase, en gran medida, por todo o significado que entrañan os distintos Camiños. Destaca o inmenso patrimonio artístico e monumental, que vai deixando pinceladas en toda a extensión deste xeodestino. Pero como veremos, non só no aspecto patrimonial cobra interese este territorio, senón tamén no campo gastronómico e festivo.
Sen dúbida, Santiago de Compostela, como destino de todos os camiños polos que queda a marca de peregrinos de todos os tempos, ofrece a quen o visita arte, cultura, beleza e historia nunha cidade recoñecida como Patrimonio Cultural da Humanidade.
O xeodestino Terras de Santiago abrangue os concellos de Ames, A Baña, Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Brión, Cerceda, Curtis, Frades, Melide, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Padrón, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Touro, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vilasantar.
«Lugar ideal para o turismo rural e as rutas de sendeirismo». Ao tratarse dun recuncho do interior, nas terras de Santiago cobra moita transcendencia a auga dos ríos e mananciais. Esa realidade percíbese coas espectaculares imaxes que deparan o río Tambre en toda a súa extensión, os ríos Mendo e Mandeo desde o seu nacemento, ou os numerosos ríos e regatos da comarca; a lagoa das Brañas de Valga, a fervenza do río Mira en Santa Comba, a fervenza de Portomouro en Val do Dubra ou a de Anxeriz en Tordoia, entre outros moitos atractivos
Antigüidade: distintas mostras como o dolmen de Forno dos Mouros e Castro da Graña (Toques), o dolmen de Cabaleiros, os castros de Curtis, a pedra do home (Val do Dubra), o Campamento Romano de Cidadela (Sobrado) ou os restos arqueolóxicos de Ames acreditan o peso da antigüidade nesta zona.
Patrimonio histórico: a temática patrimonial á que anteriormente se facía referencia, vese reflectida en gran medida na propia cidade de Santiago de Compostela, en canto á súa catedral , a Praza do Obradoiro, a Cidade da Cultura, o Mosteiro de San Martiño Pinario, O Pazo de Xelmírez, o Hostal dos Reis Católicos… o certo é que, ademais, en Santiago de Compostela, o usual vólvese arte. Así, o mero feito de visitar o seu centro histórico ou camiñar polas súas rúas empedradas, cobra consideración e resulta ser unha experiencia de enorme valor artístico. Ademais, nos municipios do redor, tamén poden verse interesantes mostras de valor histórico: o Mosteiro de Santa María de Sobrado, (procedente do Renacemento e o Barroco, ao que os monxes lle conceden unha figuración especial), a Ponte de Ribadulla (Vedra), A Pontevea de Teo ou a Igrexa de Páramo en Val do Dubra… son só uns cantos exemplos, repartidos polo territorio.
INDISPENSABLES
Santiago de Compostela: a catedral, (un dos monumentos máis valorados do mundo), a Praza do Obradoiro, a Cidade da Cultura, o Mosteiro de San Martiño Pinario, O Pazo de Xelmirez, o Hostal dos Reis Católicos e os seus múltiples 'recunchos' nas rúas da zona histórica como a Rúa do Vilar ou a Rúa Nova farán que captes imaxes inesquecibles dunha cidade única.
Mosteiro e Lagoa de Sobrado dos Monxes: este mosteiro, habitado por unha comunidade de monxes cistercienses ofrece hospedaría a quen queira gozar dun tempo de descanso sereno e tranquilo. Moi cerca do Mosteiro atópase a lagoa protexida pola rede Natura 2000, que foi construída polos monxes do mosteiro no século XVI.
Forno dos Mouros: o chamado 'Forno dos Mouros' é un dolmen datado do 3.000 antes da era actual. Está situado no lugar da Muruxosa no Concello de Toques. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 2011 e é un destino a non perder para toda persoa interesada na arte megalítica.
Casa-Museo Rosalía de Castro: no outono de 1947 créase o Patronato Rosalía de Castro, co fin de arranxar a Casa da Matanza, en Padrón, casa na que Rosalía de Castro viviu os derradeiros anos da súa vida. Restaurouse en 1971 e converteuse na Casa-Museo en 1972. É unha visita imprescindible para o achegamento á figura dunha escritora única e imprescindible.
Pontemaceira: Pontemaceira é un lugar único, co que se atopan os peregrinos que queren rematar o seu camiño en Fisterra. Localizado entre os concellos de Negreira e Ames, esta ponte cruzada polo Río Tambre, garda unha beleza singular e un conxunto histórico artístico de gran relevancia
Queixo de Arzúa: o queixo con D.O.P. Arzúa-Ulloa é o que máis se produce e consume en Galicia. Os concellos da Área xeográfica da D.O.P. da provincia da Coruña son Arzúa, Boimorto, O Pino, Touro, Curtis, Vilasantar, Melide, Santiso, Sobrado, Toques, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Boqueixón e Vedra.
Torta de Santiago: esta torta tradicional da gastronomía galega pódese obter en calquera establecemento polo que pasa o Camiño de Santiago. De orixe descoñecida, sábese que sendo a améndoa un produto escaso na Idade Media, este alimento era un luxo reservado a poucos.
Melindres de Melide: estas pequenas roscas, produto tipicamente galego, acada a súa excelencia nesta vila do Camiño de Santiago, onde se celebra cada ano a Festa do Melindre e da Repostería tradicional da Terra de Melide.
Augardente do Ulla: a augardente, obtida da destilación dos restos da uva chamados bagazo, é unha bebida moi común en todo o rural galego. No Concello de Vedra, na parroquia de San Mamede de Ribadulla, celébrase cada ano a Festa da augardente do Ulla cunha ampla variedade de actividades.
Pemento de Herbón: os pementos de Herbón, coñecidos tamén como pementos de Padrón, famosos polo dito 'uns pican e outros non', contan con Denominación de Orixe Protexida desde o ano 2009. A orixe deste produto asóciase ás sementes mexicanas traídas polos monxes franciscanos ao convento de Herbón. Débese ter en conta que os auténticos pementos de Herbón só están á venda entre os meses de maio e outubro.