Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal

Cara ao extremo setentrional da provincia coruñesa, as comarcas de Ferrolterra e Ortegal custodian e exhiben un patrimonio xeolóxico tan singular que está en proceso de candidatura perante a prestixiosa figura de Xeoparque da UNESCO.

Avalado por numerosos estudos da Sociedade Xeolóxica de España e tamén recoñecido polo ámbito científico internacional, o chamado complexo de Cabo Ortegal é un referente xeolóxico mundial. Ante este contexto, o proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal xorde como unha iniciativa de cooperación intermunicipal entre a Deputación da Coruña e os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño.

Que significa consolidarse como Xeoparque pola UNESCO?

A denominación de Xeoparque Mundial é un recoñecemento da UNESCO, dirixido á conservación e divulgación dos ámbitos territoriais que posúen un patrimonio xeolóxico singular e unha gran riqueza etnográfica, ecolóxica e cultural asociada a estes ‘xeositios’. A súa meta é conseguir que esta “marca de calidade”: sirva como instrumento para educar, divulgar e cohesionar á sociedade local sobre o valor científico do territorio; ofreza e sitúe unha experiencia turística de primeiro nivel; e finalmente, afiance o retorno sustentable dos seus beneficios, é dicir, a conservación do patrimonio e o desenvolvemento turístico.

Actualmente hai 147 xeoparques declarados en 41 países do mundo, entre os cales o estado español aglutina 13 dos galardóns en cuestión, unha cifra que nos sitúa como segundos da clasificación despois de China.

Por que o Cabo Ortegal?

Cunha extensión próxima aos 630 quilómetros cadrados, este proxecto capitaneado pola Deputación fundaméntase nunha das secuencias alóctonas máis completas do Oroxéneo Varisco Europeo, unha ampla diversidade de litoloxías entre pregos, fallas e encabalgamentos orixinados durante o Paleozoico pola colisión dos supercontinentes de Laurasia e Gondwana.

Popularmente, este territorio coñécese baixo a xeneralizada premisa de que a Serra da Capelada cara á confluencia do Atlántico co Cantábrico, o Cabo Ortegal, alberga os cantís marítimos máis altos da Europa Continental. A pesar da veracidade do tópico, o verdadeiro valor engadido destes relevos, é que a súa formación se remonta 350 millóns de anos atrás, cando algúns dos seus materiais atopábanse ata 70 km de profundidade en plena cortiza oceánica e no manto terrestre.

Pero o feito de que o complexo do Cabo Ortegal sexa cientificamente excepcional transcende da costa, tamén cara á fachada interior. San Sadurniño, Moeche e Cerdido son terras de tradición mineira cuxo eixo motriz atópase nas minas de piritas de Piquito e da Barqueira, grazas á súa gran concentración de canteiras de serpentinas (unha especie de mármore de cor verde).

Por todos estes motivos e moitos máis, pódese dicir e dise que «visitar esta icónica paisaxe xeolóxica é facer unha viaxe ao interior da terra».