A Costa da Morte evoca a cultura neolítica con máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias, unha das mostras mellor conservadas e representativas da nova Idade da Pedra en Galicia.
O megalitismo desta rexión desenvolveuse aproximadamente entre o IV e o III milenio a.C., formando parte dun fenómeno moi difundido polo occidente europeo. O tipo de monumentos máis abundantes e característicos son as mámoas e os dolmens. A primeira construción consiste nunha estrutura circular ou ovalada cuberta dunha capa de terra e pedras de grandes dimensións cunha función sepulcral ou delimitadora do territorio, os dolmens son sepulcros que se distinguen por emerxer da terra e estar compostos por varias laxes e cubertas.
O porqué da súa transcendencia
O feito de que o megalitismo da Costa da Morte estea situado no mapa deriva da súa connotación arqueoastronómica. E é que a posición da lúa, o sol e outras estrelas determinou a construción destes monumentos sen seguir un patrón común na súa orientación. Uns están cara á saída do sol no solsticio de inverno, outros cara á parada menor sur da lúa, e algún mesmo mira a determinadas estrelas.
Algunha destas tumbas monumentais ou dolmens son Pedra Moura, Pedra Cuberta, Pedra da Arca, Fornela dos Mouros, e a “catedral do megalitismo”, o Dolmen de Dombate.
Obxectivos estratéxicos
Neste contexto nace unha nova liña estratéxica para conservar e divulgar toda esta narrativa consolidando unha auténtica rede de “museos ao aire libre”, un proxecto bautizado como Parque Arqueolóxico do Megalitismo entre os concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas, e a Deputación da Coruña.